Outros recursos

siguenos-en-facebook

asociacin de interese social

radioredondela
divisorfinal

farmaciasgarda

O tempo

Proxectos

BannerIdeaRedondelaPXOM2015

BannerApego2015

BanerFondoGalegoCoop

Acerca do concello

 

 

ambitoterritoria

indicadores

 

 

arqueoloxia

Infraestruturas

   

ÁMBITO TERRITORIAL

Na área da Mancomunidade de Vigo sitúanse os Concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Son concellos, aínda que limítrofes xeograficamente, con grande diversidade en aspectos como o demográfico ou o económico. Pertencen todos eles á comarca de Vigo, segundo o Plano de comarcalización da Xunta de Galicia.

Redondela limita ao norte co concello de Soutomaior, ao leste con Pazos de Borbén, ao sur cos de Mos e Vigo, e ao oeste coa ría de Vigo, que conforma na súa parte máis interior a Enseada de San Simón. Neste contorno desembocan os dous ríos que atravesan o municipio: o Alvedosa e o Maceiras. O río Maceiras percorre a superficie da depresión meridiana e estende o seu leito fluvial dende o alto de Cabeiro ata unirse en Redondela co Alvedosa, que ten o seu nacemento na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén).

O concello conta cunha lonxitude de costa de 18.7 Km, onde destacan as praias de Cesantes, a Punta do Cabo e Arealonga, na parroquia de Chapela. A súa superficie en quilómetros cadrados é de 52, e ten trece parroquias : Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela, Vilar de Infesta e O Viso.

Redondela sitúase a 14 Km de Vigo, a 18 Km de Pontevedra, a 69 Km de Santiago, a 139 Km da Coruña, a 119 Km de Ourense e a 172 Km de Lugo. O camiño de ferro foi dende antigo unha infraestrutura de grande incidencia no municipio; mostra disto son os dous viadutos que atravesan a vila, verdadeiros sinais de identidade. As dúas liñas do camiño de ferro que  que atravesan o concello son: a de Ourense, que vén do interior, e a de Pontevedra, que discorre ao longo da costa.

É importante salientar tamén a proximidade do Aeroporto de Peinador (pertencente a Vigo), que se sitúa a poucos quilómetros.

Plano_Redondela_parroquias2012peq

 

 

 

 

 

- AMPLIAR O PLANO -

pdf  DESCARGAR O NOMENCLÁTOR OFICIAL DAS PARROQUIAS

 

INDICADORES SOCIOECONÓMICOS

Este municipio medrou ao longo de todo o século XX, aínda que na década dos 80 sufriu un certo retroceso. O seu dinamismo débese, en grande medida, á situación a medio camiño entre Vigo e Pontevedra, e á relación coa primeira, pois está practicamente integrado na súa área metropolitana. Actualmente a poboación é de 30.006 persoas (a 01/01/2011), cunha porcentaxe aproximada de 51% de mulleres e 49% de homes.

As actividades industriais están moi ligadas ao mar e fan que se perfile como un polo de desconexión coa urbe viguesa. A pesca é unha actividade importante, e o seu porto é un dos dez primeros dentro da clasificación galega, cunha frota esencialmente de baixura, caracterizada pola captura de peixe de baixa cotización; tamén é moi relevante o marisqueo de moluscos bibalvos. O choco é o símbolo mariño xenuíno de Redondela (e da súa gastronomía).

En Redondela só o 8,8 por cento da poboación pertence ao sector primario, a pesar de que o clima benigno das rías baixas favorecen as colleitas temperás dos produtos da horta e os viños. Destacan os numerosos invernadoiros adicados xeralmente ao cultivo de flores, e as plantacións de quiwi (este municipio foi un dos pioneiros na introdución desta especie en Galicia). O sector secundario abrangue un 47,1 por cento da poboación, e nel destacan as industrias de conservas, conxelados, e a téxtil. No sector terciario inclúese o resto da poboación, que se adica na súa maioría ao pequeno comercio.

REDONDELA ARQUEOLÓXICA

As fértis terras que configuran o Concello de Redondela posúen numerosos xacementos arqueolóxicos que documentan amplamente as diferentes etapas prehistóricas e históricas polas cales pasou esta ben definida área xeográfica galega.
Os primeiros vestixios de poboación que posuímos na actualidade para estas terras sitúanse cara ao ano 3.000 antes de Cristo, localizándose xa dentro da denominada cultura megalítica. Non hai que descartar a posibilidade de que achádegos arqueolóxicos futuros nos ofrezan datos suficientes que nos permitan falar do período paleolítico e mesolítico, como ocorre nas zonas xeográficas próximas a Redondela. 

Un interesante enclave castrexo sitúase nunha elevación duns 336 metros sobre o nivel do mar, o que se coñece indistintamente por "Coto do Castro", "Coto de Negros", "Monte do Castro" ou "Castro Grande". É un terreo limítrofe entre as parroquias de Negros e Cabeiro. A súa configuración vén dada por unha acrópole rochosa e varias terrazas orientadas cara ao poñente, por onde ten a entrada. Servindo de límite entre os concellos de Redondela e Soutomaior temos o importante Castro da Peneda, na parroquia do Viso, a uns 324 metros sobre o nivel do mar.
Na parroquia de Vilar de Infesta ubícase o chamado "Marco", que serve de límite entre esta parroquia e as parroquias de Guizán e Louredo, ambas as dúas pertencentes ao veciño concello de Mos. Trátase dun miliario que xa ten moi deteriorada a súa inscrición, que se fai ilexible. En Saxamonde, no lugar que se coñece como "Socalco da Veigadela ", púidose recuperar outro miliario roto en catro anacos que servían como postes de viñas. Está adicado ó emperador Adriano.

INFRAESTRUTURAS

A rede viaria xeral compónse de estradas nacionais, autonómicas, provinciais e locais. Pola súa importancia destacaremos as de ámbito nacional e autonómico. Non hai que esquecer tampouco a autoestrada A-9 que discorre paralela a beiramar ata que se separa para atravesar a ría. Polas súas características é un vieiro con grande incidencia territorial, non só polas súas dimensións senón tamén polas proteccións esixidas ás súas beiras. A rede de estradas que atravesan o concello está composta polas seguintes vías:

  • CN-522, que percorre a costa ata a súa conexión en Redondela coa CN-550. É case unha vía urbana xa que posúe edificacións nas dúas beiras.
  • CN-550, procedente do interior, discorre paralela ó río Maceiras. Está urbanizada ó seu paso polo núcleo urbano de Redondela e soporta un tráfico excesivo.
  • CN-555, de Redondela ao aeroporto, soporta unha grande cantidade de tráfico e posúe características inadecuadas de sinalización e trazado para o seu volume de tránsito.

Da rede autonómica e provincial cómpre destacar a estrada de Fornelos e a denominada Avenida de Vigo, ao seu paso pola parroquia de Chapela, urbanizada neste treito.

Infraestruturas básicas

A infraestrutura de abastecemento de augas no municipio de Redondela presenta dúas vertentes: unha de tipo municipal e outra privada de comunidades de usuarios. A rede municipal abastece o núcleo urbano de Redondela-Cesantes e o de Chapela. Alén deste servizo existen, no resto das parroquias, redes veciñais e pozos particulares.
O abastecemento a Cesantes vén a través do núcleo urbano desde o depósito de Quintela, pola estrada de Redondela a Cesantes. A rede que abastece Chapela provén dunha captación no río Fondón dirixida a un depósito situado na zona baixa do lugar de Cidadelle, cunha capacidade de 400 metros cúbicos. Esta rede de distribución foi feita en pvc, e está previsto que se substitúa por tubaxe de fundición.

O abastecemento de augas a Redondela procede exclusivamente da captación realizada pola Confederación Hidrográfica do río Louro, no concello veciño de Pazos de Borbén, que conduce a auga ata o depósito construído en Quintela, cunha capacidade de 4.000 metros cúbicos. O servizo de abastecemento de auga municipal foi privatizado no ano 1993, por un período de 25 anos, á empresa Aqualia. Os recursos hidráulicos utilizados para o abastecemento de auga proceden de captacións realizadas nos ríos Fondón e Mouro, e de mananciais.

A rede de sumidoiros non comprende todo o territorio do concello, hai parroquias e lugares que só contan con foxas sépticas e pozos negros. Os núcleos e parroquias que están totalmente conectados á rede de sumidoiros son os de Redondela centro, Cesantes, Chapela e algúns lugares doutras parroquias.

No núcleo urbano de Redondela existe unha rede de sumidoiros de tipo separativo: os vertidos envíanse aos colectores xerais instalados ao longo da Avenida do Alvedosa, que conflúen na estrada de Cesantes-Redondela, para o seu posterior vertido na depuradora construída na marisma de Santa Mariña. Nesta depuradora recóllense os vertidos de Cedeira, Cesantes, Reboreda, O Viso e Ventosela.
En Cesantes existe rede de sumidoiros nos barrios de Outeiro das Penas, O Carballiño, San Pedro, A Porta Levada e A Pantalla, así como no treito da estrada N-550 que vai desde a escola pública ata a súa unión ao colector localizado na marisma, e que desauga na depuradora.
En Ventosela existe rede en parte do barrio de Castiñeira, que verte no colector xeral de Reboreda. Tamén no barrio de Vilar do Mato, que verte no colector que recolle os vertidos de Cesantes e O Viso.
No Viso hai rede de sumidoiros ao longo da estrada da Peneda e unha parte da estrada a Soutomaior. Desauga no colector situado na N-550, que verte posteriormente na depuradora de Redondela.
En Reboreda existe unha rede conectada ao colector xeral de Redondela e no barrio do Cruceiro, en Cedeira, hai unha pequena rede que se une á xeral de Redondela.

Infraestruturas de servizos

Os servizos financeiros están cubertos en Redondela por 15 entidades bancarias e 10 sucursais de caixas de aforros.
En canto á capacidade hotaleira conta cun hotel e cinco hostais, dúas casas de turismo rural, un camping de 160 prazas e un albergue de peregrinos no casco urbano con 95 prazas.

EQUIPAMENTOS

Servizos públicos da Administración

Están constituídos polos servizos administrativos situados na Casa do Concello, no Edificio de Servizos Sociais e no Edificio Multiusos de Redondela, no núcleo urbano de Redondela, unha oficina de Servizos Sociais en Chapela e un Centro de Formación para o Emprego e as instalacións da Policía Local na zona da Marisma en Cesantes, que centralizan todos os equipamentos de carácter administrativo. Ademais Redondela conta con dous xulgados de primeira instancia .
Posúe unha oficina do Servizo Galego de Colocación, unha oficina de Extensión Agraria e dúas oficinas de correos, unha en Chapela e outra en Redondela.
Conta cun servizo da Policía Nacional, ademais da Policía Local. Non existe servizo contra incendios, polo que depende dos servizos do Concello de Vigo.
En Redondela existe un cemiterio municipal denominado Mañó, o resto son de carácter parroquial.

Equipamento escolar

O concello conta con equipamento escolar que abrangue todos os niveis educativos do ensino obrigatorio.

Tres centros públicos de ensino infantil: a EEI A Marisma (Redondela), a EEI San Pedro (Cesantes) e a EEI Ventosela.

Un centro público de ensinanzas primarias exclusivamente: o CEP Santa Mariña (Redondela).

E oito centros de ensino infantil e primario distribuídos nas diferentes parroquias:

  • CEIP Alexandre Bóveda (Chapela)
  • CEIP Igrexa (Chapela)
  • CEIP Laredo (Chapela)
  • CEIP Cedeira
  • CEIP Outeiro das Penas (Cesantes)
  • CEIP Porto Cabeiro (Vilar de Infesta)
  • CEIP Santo Paio de Abaixo (Reboreda)
  • CEIP Quintela

O ensino secundario conta con catro centros, 3 no núcleo de Redondela e 1 na parroquia de Chapela:

  • IES Chapela
  • IES Mendiño
  • IES Illa de San Simón
  • IES Pedro Floriani

O Colexio Vigo, situado na Formiga (parroquia de Cedeira), é o único centro privado do municipio.

Equipamento sanitario

No concello de Redondela existen dous centros de saúde, un en Chapela e outro na vila de Redondela. Prestan asistencia sanitaria primaria, con medicina xeral, pediatría, matronas, asistencia social e enfermaría. As urxencias básicas aténdense nun servizo de urxencias extrahospitalarias localizado nas dependencias do centro de saúde de Redondela. Pola inclusión do concello na área sanitaria de Vigo, todas as consultas de especialistas e as hospitalizacións realízanse nos hospitais xerais de Vigo.
No barrio da Parada, en Chapela, sitúase un Centro de Atención a Minusválidos Psíquicos, de ámbito comarcal e xestionado pola Xunta de Galicia.

Equipamentos socioculturais

No centro de Redondela sitúanse os principais equipamentos deste tipo. Así, o concello conta cunha Casa da Cultura que dispón de dous andares adicados a aulas de informática, fotografía, e unha sala de exposicións. Existe tamén un Conservatorio de Música e varias Escolas Municipais que ofertan cursos de teatro, música e pintura a cargo de técnicos e animadores culturais. Ademais Redondela conta cun Auditorio xestionado polo Concello onde se realizan diferentes actividades culturais, representacións e concertos.
A Biblioteca Pública Municipal e mais o Departamento de Novas Tecnoloxías, con dúas aulas de informática (Unha no Centro de Formación para o Emprego, na zona da Marisma e outra aula na parroquia de Chapela), dende onde se xestiona o portal de internet, sitúanse no Edificio Multiusos da Xunqueira, xusto á beira do Concello.
Nas distintas parroquias existen locais veciñais onde se proxectan actos culturais, e en Reboreda, Vilar de Infesta, Negros e Cedeira tamén hai Casas da Cultura. En Cesantes localízase un Centro Cultural privado.

Equipamentos deportivos

En todas as parroquias de Redondela existen pistas polideportivas excepto nas de Ventosela, O Viso, Cesantes e Quintela. Contan con pavillóns cubertos Redondela, Chapela e Reboreda.
O concello posúe sete campos de fútbol, nas parroquias de Chapela, Trasmañó, Vilar de Infesta, Saxamonde, O Viso, Redondela e Cesantes.
Para alén disto Redondela conta cunha piscina pública municipal.

Equipamento verde e espazos de uso público

As zonas verdes máis importantes do concello son a Alameda de Redondela, o parque baixo o viaduto de Redondela, con cinco canastros (hórreos), a Alameda de Chapela, a zona de lecer de Ventosela, o paseo marítimo na praia de Cesantes e o paseo de árbores da praia de Arealonga, en Chapela.
Na maioría das parroquias existen pequenas zonas de recreo e xogos infantís cun marcado carácter parroquial.
Así, o parque infantil no barrio de Cidadelle, parque infantil en Trasmañó, miradoiro no barrio de Cidadelle, parque infantil en Chapela, parque infantil en Resposín (barrio de Eirapedriña), xogos infantís na parroquia do Viso, parque infantil no barrio de Rande e nas Pedriñás (Trasmañó).

Equipamento comercial

No concello de Redondela o comercio de uso diario localízase preferentemente nos núcleos de Redondela, Chapela e Cesantes. Este é un comercio diversificado e cunha ampla gama de produtos. No resto das parroquias os núcleos son pequenas tendas de alimentación, drogarías, etc. Para o comercio máis especializado os veciños de Redondela acoden basicamente a Vigo.
Existen dous mercados públicos no concello, un en Chapela e outro na vila de Redondela. O primeiro é pequeno e o segundo dispón de 1.000 metros cadrados repartidos en dous andares.
Os días 6 e 21 de cada mes celébrase na vila de Redondela unha feira, onde se instalan aproximadamente 200 postos de venda.
A Confraría de Pescadores xestiona a Lonxa de Pescadores, situada no porto de Cesantes, ampliada e reformada recentemente.